Fío argumental

Nese espazo no que a nosa memoria a converte en INMORTAL, atopámonos con Helena de Troia, “a bela Helena”, a filla de Zeus e Leda, a esposa de Menelao, a amante de Paris. Estamos no século XXI. Helena xa non é “a bela Helena”, senón unha muller con certos signos que nos falan do implacable paso do tempo; malia iso mantense posuidora dunha enerxía desbordante, habitando nunha especie de tobogán emocional transitado polos intensos episodios da súa travesía vital, na que se mesturan a dor da nena violada por Teseo coa dor da esposa obrigada por Menelao; a paixón da amante namorada do fermoso Paris, co desafío e o rancor para con Zeus, o seu divino pai; a ironía ao redor de moitos dos seus contemporáneos –Aquiles, Ulises--, coa impotencia diante da crueldade da guerra…….

Quen escrebe a historia?”.

Helena diríxese reiteradamente a nós con esa interrogante, rexeitando a maneira en que foi contada a súa vida. Agora quere que, antes de xulgala, escoitemos a súa versión dos feitos, sorprendéndonos con un relato apaixonado, intenso, cheo de tenrura, de humor, de berro e de dignidade. O espectáculo O autor, tomando como punto central da súa proposta un tempo mítico que podemos situar nun milenio a.C., e abordando o drama dunha personaxe da mitoloxía grega, consegue que aquela muller dialogue inequivocamente en tempo presente coa cidadanía deste século XXI que nos toca habitar, e que comparta cos nosos públicos unha reflexión e unha denuncia ao redor do drama da muller contemporánea e tamén de moitas das dramáticas circunstancias polas que transita a nosa civilización: a constante e brutal capacidade humana para a destrución, o saqueo, o asasinato, a violación, e/ou a insoportable sucesión de interminábeis guerras neste século XXI, iniciadas frecuentemente con xustificacións tan “curiosas” como foi o pretendido “rescate” da fermosa Helena para explicar ó inicio dunha guerra que se prolonga dez anos e que culmina coa destrución de Troia.

A loita pola dignidade, pola xustiza e pola igualdade; a intensa denuncia contra a violencia de xénero e os abusos do poder completan unha proposta relevante constantemente contrapesada pola ironía, o humor e o sarcasmo de Helena e pola súa expresión irrefreable, fermosa, conmovedora, da enorme paixón que lle inspira Paris; un amor inmenso inzado de tenrura, desexo, loucura, vida.